Fotografías por Iván Casal Nieto (www.ivancasalnieto.com)
Situada na Vía da Prata do Camiño de Santiago, a ponte de Pontenoufe intégrase de maneira armoniosa na paisaxe natural que a rodea, entre ribeiras verdes, vexetación autóctona e o curso tranquilo do río. A pesar das múltiples transformacións sufridas ao longo dos séculos, conserva elementos orixinais que permiten situala na época medieval, estando recollida no Catálogo de Pontes Históricas de Galicia.
Fotografías por Iván Casal Nieto (www.ivancasalnieto.com)

Antes da súa recente rehabilitación, a ponte presentaba unha estrutura mixta: xunto a dúas bóvedas medievais de cantería granítica, aínda visibles desde a aldea de Pontenoufe, coexistían partes reconstruídas en épocas máis recentes, como bóvedas de formigón e pavimento de asfalto, que alteraban tanto a súa imaxe como a súa relación co contorno.
No ano 2024 acometeuse unha intervención integral co obxectivo de recuperar a esencia histórica da ponte, mellorar a súa funcionalidade e favorecer a súa integración paisaxística. As obras incluíron a limpeza da vexetación invasora, a restauración de elementos orixinais como os tallamares, pilastras e tímpanos, así como a reconstrución das bóvedas desaparecidas con pedra, seguindo criterios históricos. O asfalto foi substituído por un pavimento de adoquíns, máis acorde co carácter patrimonial da estrutura e máis respectuoso co medio natural no que se insire.
A intervención permitiu que a ponte recupere a súa utilidade como nexo entre marxes e comunidades, ao tempo que reafirma a súa condición de elemento histórico, en sintonía coa paisaxe e coa memoria do Camiño de Santiago.
Fotografías por el equipo de Promove Arquitectura

