Fotografías por Iván Casal Nieto (www.ivancasalnieto.com)
Fraga do Alén nace como unha nova maneira de entender o recordo e a paisaxe. Non é só un cemiterio ampliado, senón un espazo onde a memoria intégrase coa natureza, evitando muros que illen e permitindo que o bosque o envolva co tempo.
Fotografías por Iván Casal Nieto (www.ivancasalnieto.com)

Desde a entrada principal, marcada por unha gran porta de aceiro corten, o proxecto deixa clara a súa intención: crear unha contorna que respecte o ciclo natural e facilite o encontro coa serenidade. A capela existente transfórmase cunha pel metálica que lle outorga unha presenza máis contemporánea, sen romper coa esencia do lugar.
Os camiños, tanto os de servizo como os peonís, foron deseñados con materiais que permiten a infiltración da auga no subsolo, asegurando un desenvolvemento sostible do ecosistema. Desde a “entrada romántica”, presidida por impoñentes carballos centenarios, despréganse carreiros que conducen a distintos espazos de recollemento, incluíndo un módulo de aseos e unha lámina de auga na que se integra un pequeno escenario no que desenvolver pequenos actos.

Os nichos e columbarios foron concibidos cun deseño sobrio e limpo, utilizando elementos prefabricados de formigón con tapas de granito que xeran unha imaxe ordenada e harmoniosa. Os muros perimetrais realizados adáptanse á topografía mediante solucións modulares de paneis prefabricados de formigón ou ben elementos de corten sempre permitindo unha permeabilidade visual da contorna, logrando un equilibrio entre solidez e lixeireza visual.
O proxecto tamén aposta pola autosuficiencia enerxética. Un sistema de paneis fotovoltaicos abastece a iluminación do recinto, mentres que a rega xestiónase mediante un sistema de goteo por gravidade, utilizando a lámina de auga como reserva. Ademais, a implementación de tecnoloxía “Smart City” permite un control eficiente da iluminación, a rega e os accesos, optimizando o uso de recursos.
Para facilitar a orientación dentro do cemiterio, as entradas dotáronse de pantallas táctiles cun sistema dixital de procura de nichos e columbarios, complementado cunha páxina web pública.
Fraga do Alén é, en definitiva, un espazo onde o pasado e o presente atópanse en equilibrio coa contorna. Un lugar de memoria aberto e accesible, onde a arquitectura e a natureza fusiónanse para ofrecer serenidade, respecto e continuidade.
